Tag Archives: lumes

LONGA NOITE DE LUME

27 Mar

Longa noite de lume. Un estado, e collo a licenza do grande bardo Celso Emilio Ferreiro, no que os galegos semella que acostumamos a vivir. Ou morrer.

Hoxe finou un brigadista en Castrelo de Val, tentando controlar un dos diversos lumes que novamente voltan castigar este monte noso, e en absoluto daqueles que lle prenden. E digo que lle prenden porque namentres escribo estas liñas o lume de hoxe no val de Ourense, pasou de un a dous, logo a tres e ata catro focos na mesma zona; unha zona xa desfeita pola tolemia de alguén que de seguro coñece ben os montes da bisbarra. Vaia, que é veciño. E atreveríame a decir que senón foi ou foron eles mesmos, de seguro que algo saben do lume que devastou a mesma contorna ( Vilar de Astrés)  en agosto do pasado verán.

De novo quero poñer coma exemplo outros países e sociedades cando teñen que enfrontrase a estas desgrazas. En Polonia, un país que  tampouco é Alemania e co que  sen dúbida os galegos nos poderíamos ver reflexados, no xornal de turno cando hai unha nova sobre os lumes, aparece un despece informativo remitido polos bombeiros ou os brigadas forestais que resume o seguinte:

Cando se queima o monte

1- Poden morrer persoas e/ou perder todo o seu patrimonio.

2- A terra perde fertilidade.

3- Emítense  químicos tóxicos para humáns e animais.

4- O fume impide  as abellas o aceso as leiras e mata aos insectos. Ao diminuir a polinización das flores, diminúen as colleitas.

5- Morren animais domésticos e salvaxes, destruindo os seus habitats.

6-Morren formigas que evitan pragas, e vermes que enriquecen o chan.

7- Periga a vida das persoas pola intoxicación do dióxido de carbono e provoca accidentes de tráfico cando o fume entra nas entradas.

8- Se o chan é de turba, os lumes poden manterse en capas subterráneas ao longo de meses.

E o día despois do incendio calqueira ten isa información a man. Agora eu pregunto, qué xornal, radio, ou televisión galega (fago fincapé nos medios galegos posto que a lacra dos lumes e mais nosa que do resto) fai iso cando informan sobre un lume? Esa é información e non a pura e fría métrica de hectáreas que o único que fai e reduci-lo discurso a un mero xogo cos números, coma se os políticos ao tratar este tema estivesen apostando no casino da Toxa.

É triste ter que dicilo, pero con estes desgraciados ignorantes que lle prantan lume ao monte un día sí e outro tamén, só caben os paos para que aprendan. Aos pirómanos, paos, e aos seus fillos, educación. O pao neste caso é, coma exemplo e por non entrar en moitas disquisicións, unha lei que diga que prender lume nunha zona preto das casas, é, sen ambaxes, tentativo de homicidio, e polo tanto supón unha moi longa pena no cárcere. Unha pena que de seguro non será tan longa coma a noite de lume que tódolos galegos levamos sufrindo tanto tempo.

Deik

A XUNTA NON SABE SUMAR

16 Mar

O que me ten alporizado é unha cuestión que fala dunha das máis básicas aprendizaxes que se fan neses primeiros anos de escola: sumar.  E o caso é que veño de acreditar que a Xunta non sabe sumar. Neste caso, hectáreas arrasadas polo lume.

Aínda que a verdadeira xestión do monte e dos lumes non se basea en facer recontos, para o goberno da Xunta isa é un das principais estratexias a hora de xustificar se foi un bó ou un mal ano en canto aos incendios.  E ao marxe de que esta actitude gubernamental faille un fraco favor a sociedade, conferíndolle a un desastre natural unha idea de normalidade, (no monte queimouse menos que… mais que…) se o fas dese xeito, carallo, faino ben.

Serei máis preciso: o día 16 de marzo de 2012 un lume de grandes dimensións calcina os montes do concello de Allariz. As 00:26, e consultando as novas sobre este feito  comprobo que o xornal de Luns  a Venres cuantifica as hectáreas ardidas en mais de 100, La Voz de Galicia outro tanto, e El Pais edición Galicia titula que o lume xa levou por diante unhas 400 hectáreas. A mesma hora, 00:26, a Consellería de Medio Rural, o organismo que xestiona, e ten as ferramentas para contabilizalo con máis precisión, reflicte o seguinte, e cito textualmente o contido da súa páxina web: “Activo un lume forestal rexistrado no concello ourensán de Allariz, na parroquia de Coedo. En base ás primeiras estimacións provisionais, a superficie forestal afectada supera as 20 hectáreas”

A quen lle preguntaron os medios de comunicación para ter un reconto tan diverso pero sempre moito maior respecto do número que di a Xunta? Pois para quen non o saiba, os xornalistas pregúntanlle aos brigadas que están no medio do lume, as mesma persoas que informan a Xunta.

Na rolda de prensa que o goberno fará sobre este lume (o máis grande no que levamos de ano e cunha importantísima perda de fraga autóctona), gustaríame saber se algún xornalista preguntará aos responsables desta desaconsellábel consellería como pode ser que os medios de comunicación teñan máis, mellor e máis actualizada información sobre estes lumes que  o propio Medio Rural.

A cousa non é anécdótica. Calqueira que esté interesado no tema, pode comprobalo por sí mesmo: cando haxa un lume, que cotexe os datos da Consellería de Medio Rural na súa páxina web cos de calqueira xornal ou medio de comunicación, e digo calqueira, sen importar a liña editorial. Case que por arte de maxia “negra” acreditará que indefectiblemente,  a información do ente que xestiona e titoriza os datos dos incendios, refírese sempre a unha menor cantidade de hectáreas queimadas, sexa no reconto final, sexa na actualización dos lumes aínda activos.

E para rematar, outro simpático xogo de números Made in Medio Rural: coma os grandes lumes contabilízanse coma tales cando superan as 500 hectáreas botádelle un ollo aos guarismos ao longo dun ano e veredes moitas estatísticas nas que o lume queima 460, 480, 490 hectáreas… seica a Xunta ten un novo líquido retardante antilumes, o que pasa é que só funciona cando se queiman máis de 450 hectáreas.

Renego ao 20% da política ambiental da Xunta. Ay, perdoade, estame a pasar o mesmo que ao (des)goberno de Galiza. Xa non sei sumar.

Deik

CONTALUMES

29 Feb

Xa andamos ao de sempre, e desta volta no inverno. O pirópata non entende nin sequera de estacións. Onte nunha das ladeiras de Montetriste  o lume cebouse neste “espazo desprotexido pola Unesco”. ¡Ostia, que bo día fai, pra meterlle lume ao monte!- dixo o tarado cando espertou.  Colleu unhas latas de gasolina e pra alá foi.   Resultado:  A extensión dun campo de fútbol arrasada polas lapas. E por que non lle cuadrou a Eolo a cousa non chegou a mais. Iso sí, non te apures, que na provincia  xa andaban por un milleiro de hectáreas tinguidas de negro en dous días.

E manda carallo que haxa que convivir con iso, sí ou sí, se vives en Galiza.

Eche o que hai, di a Xunta (a partires de agora chamada X, porque máis pornográfica na xestión non pode ser ) e coma é loxico vai pra alí a extinguilo lume. Despois a X saca peito e fai unha enumeración dos medios que temos ou que nos prestan pra combatelas lapas cada ano.  O primeiro erro da X e xa inicial:  A única loita para o lume é a extinción. Unha política  exclusivamente de extinción o único que fai e necrosar unha problemática social e medioambiental de dimensións Gaiasescas (  porque Pantagruel quedou pequeno en comparación, e por absurdo) . Calqueira persoa con medio dedo de fronte, sabe que ese non é xeito de manexalo problema. Os servizos de extinción teñen que existir, pero non se pode basear unha política forestal no número de motobombas, hidroavións e axentes forestais que tes para que os montes “SE QUEIMEN MENOS”.

Seguindo ese discurso chegamos as tácticas comunicativas pseudofascistoides da X, da pelaxe de :  Non informaremos dos lumes de menos de 25 hectáreas. Gustaríame saber a quen se lle ocorreu a cifra, xa postos, por qué non 35, 200, ou 1536?. A  X alega que pretenden evitar o “efecto chamada”. Esta ben iso de meter a merda debaixo da alfombra, non se ve, pero a merda segue a ficar alí. Seguindo esa teoría  na casa, no salón teríamos unha Pena Trevinca de merda, pero oes, non ves a merda. (Iso sí, a cousa feder, fede).

A X anda reunida, o presidente Blancanieves  e os oito ananiños estan a facer estimacións do número aproximado de hectáreas que, como cada ano, se queimarán no vrao. Imaxino ao ananiño Doc, que se lle ocorre un xogo, así, pra pasalo serán. “que vos parece se facemos unha porra e ao final do vrao o que se achegue mais  a cifra exacta convidamoslle a cear?”  Blancanieves e os outros sete ananiños, medio adurmidos pola paparota do xantar, pegan un chimpo dende a súa butaca de 3000 euros- “que boa idea, di o anano feliz, a ver,  por deferencia institucional, o presidente Blancanieves, canto calcula vostede?, 300.000 hectáreas! , non home non! replica o anano gruñón- este ano hai seca, eu bótolle  600.000, o anano tontín di 100 hectáreas!, que lle imos facer, é o encargado de cultura e educación, e claro, é de letras e de números non che sabe… e así os ananiños pasaban a tarde.

A cultura do lume neste país e caso aparte. Ocórreseme, así, pra maquillalas cifras, e xa que forma parte da nosa cultura ( xa me dirás que ten que ver a queimada cun pirómano) que a X podería fusionar a consellería de medio rural coa de cultura e así poderían dicir que a cultura galega e a que se leva as partidas mais grandes nos orzamentos xerais. Aínda mellor, a un hidroavión chamámoslle Castelao, a unha brigada Rosalía de Castro e que os bombeiros e axentes forestais reciten a Cunqueiro mentres fan un corta lume. Iso si que é innovación e non as siglas esas de merda da I+D, que non valen pra nada.

Se analizamos as prácticas agrícolas en Galiza decataremonos do emprego secular que se lle da ao lume. Algúns iluminados, quizais polas lapas, din que ese é o único xeito de limpar o monte. E é certo que é un xeito de facelo, pero non é o mellor e de seguro que é o mais arriscado. Preguntádello aos labregos e gandeiros doutros recunchos de Españistán e do mundo, porque eles non o entenderían. Compostaxe, limpeza con animais, permacultura ¡se os cabalos ata comen silveiras! , e unha morea de prácticas aplicabéis no noso entorno, que por certo,  están na rede, (xa non hai excusas) para quen as queira coller.

Non é que nos dea vergoña o que acontece ano tras ano, que va! cando chegas ata estes extremos a vergoña amósase desvergoñada . Cando viaxas e falas con xente de fora sobre o tema dos lumes en Galiza É PRA ESCOITALOS: que os galegos están tolos, que qué nos pasa, que si nos presta destruilo noso entorno, e non hai quen llo explique. Ou  que esperen a escoitares un rosario de causas: intereses agrícolas, forestais, inmobiliarios, xenreiras veciñais, presións políticas… case que se podería empapelar os centos de milleiros de hectáreas que se queiman cada ano coas causas que as provocan. Cómo poñerlle freo a este caos pirómano?

Educación ambiental, prevención, agricultura biodinámica, lexislación proteccionista e proactiva, volta ao traballo das economías sustentábeis do agro, evitar monocultivos. Esas son as liñas. Hai vida mais aló da sombra proxectada polo “alicótero” antincendios.

Pero ese é outro conto

Deik