Arquivo | Xaneiro, 2013

UNHA REALIDADE “SOBRECOGEDORA”

31 Xan

Nin o mellor dos thriller políticos podería ter mellores bimbios: Un tesoreiro con milleiros de millóns das antigas pesetas en Suiza e outros paraísos financeiros, unha amnistía fiscal polo medio que lava cartos de implicados en casos xudiciais, unha chantaxe velada ao goberno, contabilidade B do partido que ostenta o poder, líderes corruptos negando a maior, sobresoldos de donacións de empresas que inflúen en contratacións de administracións públicas… se isto fora unha longametraxe de ficción, gañaría media ducia de oscars, e se ao final  da historia cae “o patrono”, outra media. Pero en España os contos non rematan coma en Hollywood.

Sen dúbida “Spain is different”; a ficción dunha trama  de corrupción política convírtese en cruda realidade pero ao final… non gañan os bós e xenerosos, senón os imbéciles e escuros. E digo que este país é distinto porque cando un partido acúsalle  a outro de facerlle as beiras de xeito máis ca probado á corrupción, a pueril réplica é “e ti máis”, porque cando os auditores de facenda se presentan voluntarios para miralos números do susodito partido sospeitoso de corruptelas, respóndese que  mellor que non, que estáse a facer unha auditoría externa e interna das contas do partido e que con iso chega. Da interna non falamos que me da a tos, e da externa…  (a quenes contraten non van afearlle as contas, que senón quedan sen cliente). E é que este país é vítima dunha ficción tan esperpéntica que cando  o partido de turno está de merda ata as orellas adícase a querelarse ou ameazar xudicialmente para deixar pasar o tempo entre pleito e pleito e que todo se dilúa na brétema do día a día mediático.

Entendo a patética defensa do goberno coma a única estratexia posible ante esta situación, pero iso fainos aínda máis culpables. Deféndese coa   negación absoluta de todo o acaecido, que é a mellor maneira de gañar tempo, e co anuncio de tomar as “pertinentes accións xudiciais” (todas elas pendentes da súa correspondente explicación, que aínda non coñecemos). A verdade, ata o caco máis palleiro, cando se atopa entre a espada e a parede e os demais saben que delinque, gaña tempo se non cala, porque o seu silencio sería recoñecer que está máis enchoupado que os farrapos no entroido de Laza. Pero que ninguén se engane,  o que caco é, caco queda.

O protagonista bó desta película fasciculada nos xornais debería ser a xustiza, e aí ten moito que dicir o “fiscal general del estado”, o señor Torres Dulce, por certo, ilustrado cinéfilo, que debería actuar con total celeridade e priorizar este caso, sen validar recursos e empantanamentos, porque os feitos deste guión político son gravísimos para a democracia ou o que queda dela. E os cidadáns deben esixilo. É de lei, hoxe en día máis ca nunca, cando nos fan comulgar coas rodas do muíño da austeridade e as contas claras, e fan de todo menos predicar co exemplo nos seus cargos, lembrémolo, aínda que soe a coña, recoñecidos coma representativos. Queda por saber a quén carallo representan os petos e as carteiras dos citados cargos.

Quero facer notar que este “sobrecogedor” relato non fai referencia a sigla política algunha, e por seguir facendo de guionista, á vista dos feitos, sexa o partido que sexa o presuntamente corrupto, coma remataríades vos este conto?

Deik

Advertisements