Arquivo | Maio, 2012

AS ABELLAS, HABELAS HABÍAAS…

22 Mai

A Plataforma contra ás Fumigacións entregou esta semán unhas 100.000 sinaturas no rexistro da xunta (sempre con minúscola) contra o uso dun pesticida “tóxico”, o Flufenoxuron, para combater a praga do gurgullo do eucalipto nos montes galegos (desta volta nas provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra) mediante fumigacións aéreas.

Diversos colectivos, asociacións e particulares xa sinalaran as súas opinións e queixas no “fachabook” da xunta sobre esta cuestión, porén, e coma se de un X Files se tratase, os desgobernates borraron do seu muro tódolos comentarios sobre o caso. E non eran catro. Lembremos que se o número de persoas que asinaron votaran nas vindeiras eleccións,  suporían 20 escanos no Parlamento galego, ou sexa, un movemento máis ca serio a niveis de participación cidadá.

Iso sí, ao ver que a cousa non paraba, procuraron un novo xeito de silencialos cidadáns, trocando a desinformación nas redes sociais cara a manipulación directa do cuarto poder. E este en Galicia pasa maioritariamente pola voz do desgoberno: a telegaita, unha tv pública que compre recordalo, pagámola tódolos galegos e galegas.

Onte ao medidodía no telexornal, vexo incrédulo coma a telegaita comenta  que a xunta  pretende fumigar os eucaliptos cun produto non tóxico para as abellas adultas (un eufemismo dos mellores, por non dicir que mata as larvas).  E por suposto sen mención ningunha das 100.000 sinaturas en contra, do feito de que a UE retira dito plaguicida en decembro deste ano pola súa toxicidade, e por suposto, sen falar  nin de datas nin de localizacións, para evitar que a xente SAIBA o que as autoridades? fan coa nosa saúde e o noso monte. E para rematalo conto, e darlle verosimilitude a barbaridade que estan a cometer, recrean un comentario técnico (en castelán iso sí, que convence máis) e poñen a un calvo cun mandilón branco, que podería ser o meu carniceiro, falando de que este composto non está aínda prohibido pola UE e que non altera a saúde. Unhas verbas cheas de sentidiño, ditas por alguen que vai ti saber o seu perfil profesional ou a súa competencia na materia, xa que nin subtítulo de cargo lle puxeron. Iso sí, coma toda información parcial que se prece, non puxeron a ningún representante da tesis contraria, químico, edafólogo, biólogo ou experto en ciencias ambientais para soster o ecocidio que supón o emprego destes produtos e a relación directa coa morte das abellas,  que para quen non o saiba, son o sustento do equilibrio da natureza, e por conseguinte da cadea alimentaria. E qué carallo de voz imoslle dar, se son 100.000 persoas as que o piden?, preguntábanse na redacción da derradeira e enésima manipulación mediática de telegaita, obra e gracia do señor Frijol e os seus intereses.

Compre dicir que o propio fabricante do composto, que se comercializa co nome de Cascade, a alemá Basf, declara na súa ficha técnica que é un produto tóxico para a fauna de auga doce e as larvas das abellas. ¡E iso que o producen eles!

Noutros medios galegos online nos que aínda existe a posibilidade de informarnos un chisco máis, un dos membros da plataforma contra estas fumigacións, José Fernández, destacou que esta sustancia empregouse xa o ano pasado en zonas de Ourense, (nestas cousas sempre somos os primeiros…) e relatou a súa experiencia, contando que perdera 54 colmeas e avisando de que outras plantas do sotobosque acumulan residuos e que logo os animais se alimentan destes froitos, co conseguinte perigo para todos nós.

E por suposto, Frijol bota peito e di que Galicia e a máis saneada das CCAA, ou sería mellor dicir avelenada en troques de dicir saneada?  A tixeira en educación, sanidade e emprego, a desatención do noso medio rural,  a perda de identidade empresarial e financiera, e coma colofón, o xesto máis metafórico da política de destrucción en nome da austeridade: sulfatar por riba de todos nós os produtos tóxicos que teñen en stock.

Frijol sae nestes días na foto dos que mais aforran no estado. E aforrar malo non é. O problema ven dunha reflexión que cada día amósase máis lacerante: de que serve tanto aforro, se logo non tes onde empregalo, porque nada queda?

Deik

ONDIÑAS VEÑEN E “DAN”

8 Mai

“A rianxeira”, quizais a máis popular das nosas cantigas, deberería trocar de mensaxe. E é que as ondiñas e as ondas, non só veñen e van. Neste país, as ondas veñen e dan… enerxía.

O mar ofrécenos unha grande parte da súa riqueza na nosa terra: mariscos e  multitude de peixes, praias, unha enorme variedade de algas (un produto de usos versatilísimo e por certo aínda non moi desenrolado por nos), e dous elementos aínda menos aproveitados que o resto: as mareas e as ondas.

Fai poucos días celebrouse unha xornada sobre enerxías renovables organizada pola Confederación de empresarios de Pontevedra coa ponencia de diversos expertos na materia. Segundo recentes estudos da USC, Galicia é a zona da península ibérica cun maior potencial  no ámbito undimotriz (enerxía das ondas) e maremotriz ( enerxías das mareas) e unhas das 5 máis importantes de toda Europa. Pero polo de agora as ondiñas do noso mar seguen a vir e marchar por onde chegaron.

País Vasco cun centro de desenrolo de prototipos, o Bimep (Biscay Marine Energy Platform) e coa primeira pranta de demostración de enerxía undimotriz de Europa, xa aproveita hoxe as ondas para producires uns 300 kilovatios de enerxía eléctrica. Cantabria conta con dous centros en construcción para probar dispositivos de desenrolo de novos conceptos, así como Asturias e Canarias, con proxectos semellantes. Galicia, a que máis pode decir neste ámbito pola inmensa potencia do mar no noso litoral, seica esperta, cunha patente da USC, pero sen unha implicación clara da xunta ( sempre con minúscola). E alí fica o problema.

A miopía conxénita dos nosos desgobernantes fai que esquezan unha ferramenta enerxética sostible e de futuro, que podería ser non só unha forma de producires enerxía 24 horas ao día 365 días ao ano para moitos pobos da nosa costa, senón a creación dunha  tecnoloxía exportable que pode xurdir do investimento en proxectos coma estes na que moitos países (algúns xa están nelo, coma Xapón e os países escandinavos) non tardarán en entrar a grande escala, ademais dunha aposta pola sostibilidade enerxética e pola optimización dos nosos recursos propios.

Ogallá me engane, pero coma aconteceu no caso da enerxía eólica, non tardarán en chegar empresas de fóra para desenrolar esta incríble fonte de riqueza, e con elas, marchará a nosa enerxía e as nosas potencialidades de autoabastecemento cara fóra de Galicia. Iso sí, para nós quedará a rianxeira, na que se berrará, máis ca nunca e con razón, a estrofa de “ondiñas veñen  e van”.

Deik

O PAZO DE MENTIRÁS

1 Mai

Nunha sorte de relatorio patrio, os grandes Siniestro Total no seu tema Miña terra galega mencionaban, entre outros, “o pazo de Meirás”, coma alicerce e exemplo da beleza e riqueza cultural do noso país. Un pazo que a día de hoxe, tras máis de tres décadas de democracia?, segue dando que falar. E non para ben.

O goberno do bipartito, no seu tempo, declarouno Ben de Interese Cultual no 2008, e tras moitas liortas nos xulgados por non contares coa aprobación dos donos?, comezou  a abrilas  portas desta xoia arquitectónica; mais non foi posíbel que os seu actuais “okupas”, a familia Franco, deixaran este espazo definitivamente para uso e desfrute de tódolos cidadáns. Así e todo, e a pesares da loita dos Franco, obtívose unha pírrica victoria: o pazo pódese visitar catro veces ao mes. Ou sexa que o pazo de Meirás ficou coma inmoble de propiedade privada mais cun certo uso público.

A chegada da nova xunta (sempre en minúscola) trocou as cousas para pior. Deste xeito, e aínda que hai unha orde ao respecto, as súas 10 hectáreas pechan e non se permiten as vistas no mes de agosto para que a “netísima” Carmen Martínez Bordiu poida desfrutar do “seu” pazo sen molestias. Aquela señora, por chamarlle dalgunha maneira,  que calificou de demagoxia (unha verba que semella que sempre se empregue para pechar as discusións abertas nas que non se quere entrar) que o “seu” pazo se declarase B.I.C.

Este ano, xa o anunciou a xunta, a cousa se repetirá. Semella que de pouco valen as queixas ao Valedor do Pobo de diferentes organizacións vinculadas a recuperación da Memoria Histórica e outras. O incumplimento da lei de Patrimonio Cultural De Galicia parece que a actual xunta dalle igoal.

Pra engadirlle guindas o pastel, a nosa querida xunta designa cada ano unha cantidade  considerable de cartos para pagar a seguridade da Familia Franco, actualmente 23.000 euros, que pagamos tódolos galegos, e que veñen a financiar o benestar dos fillos e netos do innomeábel dictador, cando pasan uns días  de lecer en Sada.

Emilia Pardo Bazán, unha das máis ilustres representantes da nosa cultura, que foi a que no seu momento reconstrui e viviu neste pazo de orixe medieval, ten que estar a tremer no seu cadaleito.

O pazo de Mentirás pode estar tranquilo, ficando coma lembranza dun pasado que avergoña. Namentres, o noso, o de tódolos galegos, o de Meirás, berra en silenzo a súa inxustiza histórica. Iso sí, con visitas os venres de 11:00 a 18:00.

Deik