Arquivo | Marzo, 2012

LONGA NOITE DE LUME

27 Mar

Longa noite de lume. Un estado, e collo a licenza do grande bardo Celso Emilio Ferreiro, no que os galegos semella que acostumamos a vivir. Ou morrer.

Hoxe finou un brigadista en Castrelo de Val, tentando controlar un dos diversos lumes que novamente voltan castigar este monte noso, e en absoluto daqueles que lle prenden. E digo que lle prenden porque namentres escribo estas liñas o lume de hoxe no val de Ourense, pasou de un a dous, logo a tres e ata catro focos na mesma zona; unha zona xa desfeita pola tolemia de alguén que de seguro coñece ben os montes da bisbarra. Vaia, que é veciño. E atreveríame a decir que senón foi ou foron eles mesmos, de seguro que algo saben do lume que devastou a mesma contorna ( Vilar de Astrés)  en agosto do pasado verán.

De novo quero poñer coma exemplo outros países e sociedades cando teñen que enfrontrase a estas desgrazas. En Polonia, un país que  tampouco é Alemania e co que  sen dúbida os galegos nos poderíamos ver reflexados, no xornal de turno cando hai unha nova sobre os lumes, aparece un despece informativo remitido polos bombeiros ou os brigadas forestais que resume o seguinte:

Cando se queima o monte

1- Poden morrer persoas e/ou perder todo o seu patrimonio.

2- A terra perde fertilidade.

3- Emítense  químicos tóxicos para humáns e animais.

4- O fume impide  as abellas o aceso as leiras e mata aos insectos. Ao diminuir a polinización das flores, diminúen as colleitas.

5- Morren animais domésticos e salvaxes, destruindo os seus habitats.

6-Morren formigas que evitan pragas, e vermes que enriquecen o chan.

7- Periga a vida das persoas pola intoxicación do dióxido de carbono e provoca accidentes de tráfico cando o fume entra nas entradas.

8- Se o chan é de turba, os lumes poden manterse en capas subterráneas ao longo de meses.

E o día despois do incendio calqueira ten isa información a man. Agora eu pregunto, qué xornal, radio, ou televisión galega (fago fincapé nos medios galegos posto que a lacra dos lumes e mais nosa que do resto) fai iso cando informan sobre un lume? Esa é información e non a pura e fría métrica de hectáreas que o único que fai e reduci-lo discurso a un mero xogo cos números, coma se os políticos ao tratar este tema estivesen apostando no casino da Toxa.

É triste ter que dicilo, pero con estes desgraciados ignorantes que lle prantan lume ao monte un día sí e outro tamén, só caben os paos para que aprendan. Aos pirómanos, paos, e aos seus fillos, educación. O pao neste caso é, coma exemplo e por non entrar en moitas disquisicións, unha lei que diga que prender lume nunha zona preto das casas, é, sen ambaxes, tentativo de homicidio, e polo tanto supón unha moi longa pena no cárcere. Unha pena que de seguro non será tan longa coma a noite de lume que tódolos galegos levamos sufrindo tanto tempo.

Deik

FURANCHO ART

22 Mar

Hoxe traio a colación un exemplo do traballo dos artistas galegos. Son malos tempos, e quizais por isa mesma razón, moi bos para o arte. Coa crise que está a caer ( mais nos valería que o que caíse fose choiva) hai xente que procura saídas imaxinativas e cheas de senso crítico, enmarcadas nun estilo que podería ter o seu precedente en Cans- para quen non o saiba, un festival anual adicado ao cine independente que se celebra nun pobo da comarca pontevedresa do Porriño- irmá  fonética do archicoñecido Cannes francés.

Remítome a unha iniciativa que tres rapaces, dous artistas e unha crítica de arte, crearon na parroquia da Magdalena en Santiago de Compostela, ante a falla de implicación e sensibilidade cultural dos dirixentes da contorna, mais aló das enxebres extravagancias de quen é, por aclamación popular, o breakdancer de tódolos galegos, o alcalde Conde Roa. Esta iniciativa chámases FAC, Furancho de Arte Contemporánea, e trátase diso, nin mais nin menos: un espazo autoxestionado no que os artistas poden traballar, expoñer as súas obras, e qué carallo! tomar un viño, que pra iso é un furancho. Cousa que por certo, seica no institucionalizado CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea)  non podes facer, porque quitaron a cafetería.

Comentan os seu creadores que se no furancho dábase saída ao viño sobrante da colleita, no FAC ofrécese un oco expositivo e saída a todo tipo de contidos culturais. Un galpón obradoiro, un curral galería de exposicións… porén, e poño a man no lume,  ningún político de garavata pasara por alí a ver o que se coce nestes tempos de cultura enxoita. Se cadra mellor. A xulgar pola retranca dos seus creadores e aínda que sen axudas institucionais, pagará a pena. Unha proposta que confío se extenda no espazo e no tempo, e que demostra que menos, moitas das veces, é máis.

Deik

A CIDADE? DA CULTURA?

19 Mar

Fai uns días Jordi Évole, presentador e creador do programa semanal televisivo Salvados adicou media emisión a nosa terra, e coma calqueira espectador sabe, esto non é un bó sinal.

A temática desta reportaxe falaba dos excesos arquitectónicos dos nosos gobernantes, acomplexados polo excepcional efecto Guggenheim de Bilbao, unha obra que, por certo, custou no seu tempo 5 veces menos que o que o monstruo Gaiás xa leva devorado nos orzamentos da Xunta ao longo dos derradeiros 11 anos. O obxeto da súa presenza en Galiza foi pór de manifesto o absurdo da arrepiante Cidade? da Cultura? de Santiago. O programa repasou as contradiccións que aínda a día de hoxe manteñen os nosos gobernantes sobre a xestión do semibaleiro novo berce da cultura galega: pedra traída do Brasil, cando Galiza é coñecida mundialmente polas suas canteiras,  cadeiras e mesas por milleiros de euros a peza, hiperespazos infraexplotados, coma a Biblioteca de Galicia, namentres nas bibliotecas municipais de todo o país sufren déficits tanto de espazos coma de novos contidos “por falta de orzamento”, unha futura exposición de máis de un millón de euros, e aínda pior, unha teima por rematar os dous xigantescos espazos proxectados, coa conseguinte sangría extra de cartos públicos.

Coido que  xa coñecemos de onde xurdiu ese arrebato megalómano, pero por se hai algunha dúbida repetímolo: o impulsor desta desproporcionada tolería foi o saurio de tódolos galegos, ese animal político no sentido máis depredador do termo, chamado don Manuel Fraga Iribarne.

Contrastando con eses desmáns orzamentarios en proxectos de complicadísimo encaixe no eido cultural galego quero poñer un exemplo, extrapolabel a tantos e tantos monumentos e espazos de singularidade  histórica e cultural que temos en Galiza. Neste caso refírome a unha  fermosísima vila do ribeiro chamada Pazos de Arenteiro.  Ao marxe da súa  beleza natural, con encostas ateigadas de vides, o río Avia e o bosque autóctono debuxando a súa contorna, é o lugar de Galiza con máis pazos por metro cadrado, ademais de contar con reitorais medievais, igrexa románica, petos de ánimas… un luxo absoluto en moitos aspectos, pero que a día de hoxe esmorece na súa monumental presenza. Nin un restaurante, nin un museo, nin un hotel (seica abriu unha casa de turismo rural) nin sequera unha tenda de souvenirs, varios pazos derrubándose, rúas adoquinadas ata onde chegaron os cartos doutra época… e é que a Pazos de Arenteiro xa se lle caeu polo menos a P.  Esta vila única, esta xoia do Ribeiro, sí podería ser, en termos sostibles, unha verdadeira cidade da cultura, unha das moitas cidades da cultura espalladas por Galicia, que hoxe, sen dúbida algunha, agardan mellores tempos e xestores. Chegados a este punto, canto diñeiro faría falla para rehabilitar esas rúas e eses pazos?  e canto para creares unha infraestructura turística e cultural que dese de comer- de beber teñen dabondo- a  esta bisbarra do Ribeiro? De seguro, que cunha ínfima porcentaxe do empregado na Cidade? da Cultura? chegaría. Ao marxe de que xeraría diñeiro e faría que xurdisen investidores de Galiza ou de fóra dela, porque o lugar ben o merece.

Pero aínda, din eses gobernantes, non podemos adicarlle cartos a este e outras moitas cidades da cultura espalladas polo país, cheas de maxia,  de arte, de beleza e de historia.  Espazos que servirían tamén para estructurala cultura  e o patrimonio galego dun xeito máis orgánico, distribuindo e creando riqueza en cada recuncho de Galiza, apostando por descentraliza-la xa moi centralizada cultura nunha única cidade, Santiago, a que por certo, turistas non lle faltan.

As teimas dos xestores non morren a queren botar o resto para facer ese Disney World fraguista, ese hipermercado da cultura galega a modo de “mall” norteamericano que é a Cidade? da Cultura?

Teño visitado pobos en moitísimas zoas de España e fóra dela, e cando un se atopa con lugares senlleiros coma estes, non acostuman a ficar dese xeito. Esta terra nosa, semella vivir nunha estrana néboa mental, que parece vir da man da néboa climática, esta sí, inevitabel en Galiza.

Deik

A XUNTA NON SABE SUMAR

16 Mar

O que me ten alporizado é unha cuestión que fala dunha das máis básicas aprendizaxes que se fan neses primeiros anos de escola: sumar.  E o caso é que veño de acreditar que a Xunta non sabe sumar. Neste caso, hectáreas arrasadas polo lume.

Aínda que a verdadeira xestión do monte e dos lumes non se basea en facer recontos, para o goberno da Xunta isa é un das principais estratexias a hora de xustificar se foi un bó ou un mal ano en canto aos incendios.  E ao marxe de que esta actitude gubernamental faille un fraco favor a sociedade, conferíndolle a un desastre natural unha idea de normalidade, (no monte queimouse menos que… mais que…) se o fas dese xeito, carallo, faino ben.

Serei máis preciso: o día 16 de marzo de 2012 un lume de grandes dimensións calcina os montes do concello de Allariz. As 00:26, e consultando as novas sobre este feito  comprobo que o xornal de Luns  a Venres cuantifica as hectáreas ardidas en mais de 100, La Voz de Galicia outro tanto, e El Pais edición Galicia titula que o lume xa levou por diante unhas 400 hectáreas. A mesma hora, 00:26, a Consellería de Medio Rural, o organismo que xestiona, e ten as ferramentas para contabilizalo con máis precisión, reflicte o seguinte, e cito textualmente o contido da súa páxina web: “Activo un lume forestal rexistrado no concello ourensán de Allariz, na parroquia de Coedo. En base ás primeiras estimacións provisionais, a superficie forestal afectada supera as 20 hectáreas”

A quen lle preguntaron os medios de comunicación para ter un reconto tan diverso pero sempre moito maior respecto do número que di a Xunta? Pois para quen non o saiba, os xornalistas pregúntanlle aos brigadas que están no medio do lume, as mesma persoas que informan a Xunta.

Na rolda de prensa que o goberno fará sobre este lume (o máis grande no que levamos de ano e cunha importantísima perda de fraga autóctona), gustaríame saber se algún xornalista preguntará aos responsables desta desaconsellábel consellería como pode ser que os medios de comunicación teñan máis, mellor e máis actualizada información sobre estes lumes que  o propio Medio Rural.

A cousa non é anécdótica. Calqueira que esté interesado no tema, pode comprobalo por sí mesmo: cando haxa un lume, que cotexe os datos da Consellería de Medio Rural na súa páxina web cos de calqueira xornal ou medio de comunicación, e digo calqueira, sen importar a liña editorial. Case que por arte de maxia “negra” acreditará que indefectiblemente,  a información do ente que xestiona e titoriza os datos dos incendios, refírese sempre a unha menor cantidade de hectáreas queimadas, sexa no reconto final, sexa na actualización dos lumes aínda activos.

E para rematar, outro simpático xogo de números Made in Medio Rural: coma os grandes lumes contabilízanse coma tales cando superan as 500 hectáreas botádelle un ollo aos guarismos ao longo dun ano e veredes moitas estatísticas nas que o lume queima 460, 480, 490 hectáreas… seica a Xunta ten un novo líquido retardante antilumes, o que pasa é que só funciona cando se queiman máis de 450 hectáreas.

Renego ao 20% da política ambiental da Xunta. Ay, perdoade, estame a pasar o mesmo que ao (des)goberno de Galiza. Xa non sei sumar.

Deik

“DE VÁTER” SOBRE O ESTADO DA AUTONOMÍA

14 Mar

Onte celebróuse no parlamento galegoa primeira xornada do chamado “de váter sobre o estado da autonomía” é dicir, a reunión anual esa que fan os señoritos de garavata pra laiarse da xestión do país nun caso (OPOSICIÓN) e xustificarse da susodita, noutro (GOBERNO). Son tempos revoltos,e non sei se iso de que o clima pase do inverno ao vrao nunha semán fainos tolear a tod@s, pero a cousa anda fodida. No “de váter” o presidente Blancanieves soltaba perlas do tipo ” Estamos nunha situación difícil, pero España está pior” (mal de moitos, consolo de parvos), ou aínda mellor “España é o país da Unión Europea con máis paro. Polo tanto, se non estiveramos en España, probablemente teríamos menos paro”. Unha parrafada que sacada de contexto sinaría o mesmiño Arnaldo Otegui. A verdade, e que esta xente non vive en Galiza, semellan mergullados nunha novela senlleira. Mágoa que Lewis Carroll non estivo por eiquí, porque de seguro que a historia que o inmortalizou trocaría en alcumes e contidos. Alicia sería Galicia, o coello que procura sería o déficit, a raíña corta cabezas/recortes Feijóo- nomeado consecutivamente e dende  o  2008 coma antiourensán do ano- (remítome a súa xestión cara a nosa esmorecida provincia), o gato co axóuxere de “Rubal acaba”  sería a momia Pachi, e o sombrereiro tolo, a xulgar polo acontecido nestas derradeiras semáns, o BNG. Vaites, vaia cadro!

Neste ano, case que con toda probabilidade tócannos eleccións galegas. E chegados a este punto o único que direi e que hai que votar. Será o momento de escoller entre máis do mesmo -“Yo por mi déficit… ¡MA TO!”- ou escoller entre as vellas propostas da oposición. Porén, semella que hai algunha xente nova que anda a facer outras propostas (galeguistas, ecoloxistas…), e terémolos que escoitar con atención. Un ou varios partidos novos presentaránse nas vindeiras eleccións. E se teño algo claro nesta idiosincrasia nosa que nos fai dubidar entre subir ou baixar na escaleira deste país, é que as maiorías absolutas son o máis semellante a unha “dictablanda”. Por iso coido que haberá que darlle unha oportunidade a aqueles que veñen cun novo pulo e con novas ideas. A indignación xa hai tempo que anda nas rúas, pero ten que estar presente, e mais ca nunca, nas urnas.

Deik

Vídeo

MERCAR, TIRAR, MERCAR

13 Mar

REFLEXIÓNS SOBRE UN SUPOSTO APOCALÍPTICO: AS TREBOADAS SOLARES

9 Mar

A NASA informa nestes días de que o sol anda con treboadas solares. Pode ser que estea a mirar dende enriba como vai o mundo e sexa a súa forma de laiarse, e razóns non lle faltan. Polo que din os mais notorios astrofísicos, entre este ano e o que ven, a intensidade destas treboadas medrarán, tendo en conta unha certa impredictibilidade. Recentemente a comisión europea ( excusade por dicir verbas malsoantes) referiuse a actividade solar e suliñou as posibilidades de que haxa fortes fluctuacións electromagnéticas na Terra. Vai ti saber se é certo ou non, ou se acontecerá, pero o que sí sei e que se algo disto ocorre, collenos a tod@s cos calzóns polos xeonllos.

O efecto electromagnético destas ondas do sol, mais alá das auroras que pode formar, consiste en que podería alterar tódalas equipas (dende os dispensadores de combustible, os sistemas de auga potable, refrixeración, telefonía, internet, radio, televisión, automóviles, etc.) que empregan circuitos eléctricos pra funcionar,  e polo tanto ficarían  inutilizabeis. Vaia, que do que menos nos preocuparíamos e de  ve-la aurora, a menos que teñamos unha veciña que se chame así e teña algunha solución pra saires do caos que sofriríamos.

Non quero parecer catastrofista e todo hai que dicilo, estas treboadas solares sempre existiron. Ao longo da súa existencia coma especie o home viviunas en milleiros de ocasións, pero ata o de agora pouco lle perxudicaron.  O interesante é que hoxe, mais ca nunca, somos totalmente dependentes da electricidade (unha proba é este blogue) e de sistemas enerxéticos baseados nela. E velaiquí que xurde a reflexión.

Soamente os mais temerarios poderían dicir: “Eu apañaríame”. Se esa persoa pon a exame cada unha das actividades ordinarias que fai ao día, quedaría retratado coma un parv@ pola cantidade de electricidade e medios eléctricos que emprega. Quitádelle a cada unha desas actividades a electricidade e veremos o que queda dela. Dende lavarse, beber auga, ter luz, conducir… e sen falar de estar comunicad@s co mundo: Pai, non me furrula o facebook!

Fai tempo vin un documentario chamado No impact man. Falaba dun home que no medio da gran mazá novayorkesa e ao longo dun ano, tentaba vivir sen os beneficios do mundo contemporáneo. Evidentemente, nunha gran cidade por en práctica eses supostos apocalípticos é unha tolemia, aínda que algo se pode aprender. As grandes urbes serían as primeiras en sofrer a  anarquía no seu pior senso, e a nosa vida trocaría  de estilo nun intre.

Mirado dende fóra, os homes e mulleres de hoxe somos os mais inútiles na historia da humanidade. Na nosa era, valóranse os enxeñeiros, os arquitectos, os procuradores científicos, persoas resptabilísimas, pero aos que se lles quitamos a tecnoloxía de hoxe en día convírtense en nenos de dez anos. Que sería dos enxeñeiros dun acelerador de partículas, dos doutores especialistas, dos químicos, dos informáticos, e sen ires tan lonxe, que sería de min?  de seguro pensarímos: debín aprender de coma a miña avoa facía lume, de cales eran as tempadas das froitas e legumes e como cultivalas e conservalas, de que sementes recoller pra plantalas, de como poñer un tellado na miña casa, de coma obter enerxía… e tantas e tantas leccións dos nosos antergos que tanto coñecemento tiñan e tan pouco ficou en nós.

O mundo está orfo de autoeficiencia e de autoxestión, e non debemos esquecer que somos escravos da enerxía, e que case todo o que temos é grazas a ela, tanto pra o bó como pra o que non é bó en absoluto.

Confío en que estas pseudoprediccións non acontezan. En todo caso, e non polo que poda ocorrer senón porque vivir máis sinxelamente pode ser mellor, marcho regar os guisantes e as patacas e ver como vai a aveleira e os frutais da horta.

Deik

Vídeo

O GUERREIRO DO LIXO

6 Mar

NON TE ME POÑAS “MIMOSA”

6 Mar

A primavera xa chegou a Galiza. Pero neste caso non é coma do Corte Inglés. Seca coma nunca, facilitou aínda mais o espallamento dunha arrepiante praga colorista: a mimosa. Coñecida técnicamente coma acacia dealbata, e oriunda de Tasmania e Australia, chegou a nosa terra pola mala xestión e descoñecemento da xentiña e das institucións que as prantaban. Ao ser pirófita, resiste e xermina despois dos lumes e afoga a flora autóctona ao ritmo de Usain Bolt.

Os viticultores prantarona pra agarralas cepas da vide, empregandoa no lugar do bimbio, esa fermosísima árbore nosa,  coloreada de pólas alaranxadas, que debuxa os lindeiros das leiras galegas. Mais lles valería deixarse de facerse de Mac Givers e pular pola flora que sempre tivemos. E os poucos, foi gañandolle terreo a calqueira outra plantación. Por outro lado, a súa implantación tamén veu da man de Renfe/Adif, que plantouna como función estabilizadora para apuntalar terrapléns, por mor da tupida rede fixadora das súas raices no chan. Así pode verse na liña de Ourense a Vigo en moitos lugares. En resumo, entre as nosas decisións, e as  do ente estatal ese que desmantela as conexións de cercanías e metenos a todos o AVE en vena a custo de emir saudí, a cousa foi a pior. Unha desfeita, da que por certo, ninguén deu parte nin pediu reclamación algunha por este, hai que dicilo, atentado medioambiental.

Cando un mira pra o monte e ve estas masas amarelas ten a sensación de que se trata un cadro impresionista, pero mais aló de onanismos estéticos, pensade que cada oco onde se fai forte é unha proba do abandono do monte. A que agora a cousa non soa tan ben?. E de novo, Estado, Xunta e os concellos con este problema miran pra outro lado, ou nin poden mirar, porque xa teñen a póla da mimosa metida no ollo.

As solucións, pois, pasan coma case sempre por cada un de nos. Imaxino que ninguén pranta xa mimosas, pero por se compre dicilo, non se debe prantar ningunha mais e hai que ilas reducindo progresivamente. Pra combatela emprégase unha sustancia (glifosato) que se ten que botar nos tocóns duas veces o ano durante tres ou cuatro, despois de cortalas. Pero isa metodoloxía non é ecolóxica. Un dos xeitos mais recomendables e afogala facendo un  groso acolchado de palla, ou mantiño vexetal, e senón é posible, de plástico, que non a deixará medrar, e de seguido prantar outras árbores e arbustos, pra que vaian colonizando o seu espazo.

A asociación Ridimoas sabe o que facer con ela. Eliminouna por completo dun bosque autóctono de 200 hectáreas en Beade, propiedade deste grupo ecoloxista.

Coma soe acontecer, existen solucións aplicábeis, para atallar este xa no tan novo caos biolóxico.  É cousa de todos. Quen queira continuar esta loita, xa sabe onde me pode atopar. A partires de agora son anti acacia. Por iso xa non voltarei dicirlle a ningunha rapaza “non te me poñas “mimosa”. Aínda que me pese.

Deik

Vídeo

BARAKA

2 Mar