Tag Archives: hectáreas

A XUNTA NON SABE SUMAR

16 Mar

O que me ten alporizado é unha cuestión que fala dunha das máis básicas aprendizaxes que se fan neses primeiros anos de escola: sumar.  E o caso é que veño de acreditar que a Xunta non sabe sumar. Neste caso, hectáreas arrasadas polo lume.

Aínda que a verdadeira xestión do monte e dos lumes non se basea en facer recontos, para o goberno da Xunta isa é un das principais estratexias a hora de xustificar se foi un bó ou un mal ano en canto aos incendios.  E ao marxe de que esta actitude gubernamental faille un fraco favor a sociedade, conferíndolle a un desastre natural unha idea de normalidade, (no monte queimouse menos que… mais que…) se o fas dese xeito, carallo, faino ben.

Serei máis preciso: o día 16 de marzo de 2012 un lume de grandes dimensións calcina os montes do concello de Allariz. As 00:26, e consultando as novas sobre este feito  comprobo que o xornal de Luns  a Venres cuantifica as hectáreas ardidas en mais de 100, La Voz de Galicia outro tanto, e El Pais edición Galicia titula que o lume xa levou por diante unhas 400 hectáreas. A mesma hora, 00:26, a Consellería de Medio Rural, o organismo que xestiona, e ten as ferramentas para contabilizalo con máis precisión, reflicte o seguinte, e cito textualmente o contido da súa páxina web: “Activo un lume forestal rexistrado no concello ourensán de Allariz, na parroquia de Coedo. En base ás primeiras estimacións provisionais, a superficie forestal afectada supera as 20 hectáreas”

A quen lle preguntaron os medios de comunicación para ter un reconto tan diverso pero sempre moito maior respecto do número que di a Xunta? Pois para quen non o saiba, os xornalistas pregúntanlle aos brigadas que están no medio do lume, as mesma persoas que informan a Xunta.

Na rolda de prensa que o goberno fará sobre este lume (o máis grande no que levamos de ano e cunha importantísima perda de fraga autóctona), gustaríame saber se algún xornalista preguntará aos responsables desta desaconsellábel consellería como pode ser que os medios de comunicación teñan máis, mellor e máis actualizada información sobre estes lumes que  o propio Medio Rural.

A cousa non é anécdótica. Calqueira que esté interesado no tema, pode comprobalo por sí mesmo: cando haxa un lume, que cotexe os datos da Consellería de Medio Rural na súa páxina web cos de calqueira xornal ou medio de comunicación, e digo calqueira, sen importar a liña editorial. Case que por arte de maxia “negra” acreditará que indefectiblemente,  a información do ente que xestiona e titoriza os datos dos incendios, refírese sempre a unha menor cantidade de hectáreas queimadas, sexa no reconto final, sexa na actualización dos lumes aínda activos.

E para rematar, outro simpático xogo de números Made in Medio Rural: coma os grandes lumes contabilízanse coma tales cando superan as 500 hectáreas botádelle un ollo aos guarismos ao longo dun ano e veredes moitas estatísticas nas que o lume queima 460, 480, 490 hectáreas… seica a Xunta ten un novo líquido retardante antilumes, o que pasa é que só funciona cando se queiman máis de 450 hectáreas.

Renego ao 20% da política ambiental da Xunta. Ay, perdoade, estame a pasar o mesmo que ao (des)goberno de Galiza. Xa non sei sumar.

Deik