Arquivo | Febreiro, 2012

CONTALUMES

29 Feb

Xa andamos ao de sempre, e desta volta no inverno. O pirópata non entende nin sequera de estacións. Onte nunha das ladeiras de Montetriste  o lume cebouse neste “espazo desprotexido pola Unesco”. ¡Ostia, que bo día fai, pra meterlle lume ao monte!- dixo o tarado cando espertou.  Colleu unhas latas de gasolina e pra alá foi.   Resultado:  A extensión dun campo de fútbol arrasada polas lapas. E por que non lle cuadrou a Eolo a cousa non chegou a mais. Iso sí, non te apures, que na provincia  xa andaban por un milleiro de hectáreas tinguidas de negro en dous días.

E manda carallo que haxa que convivir con iso, sí ou sí, se vives en Galiza.

Eche o que hai, di a Xunta (a partires de agora chamada X, porque máis pornográfica na xestión non pode ser ) e coma é loxico vai pra alí a extinguilo lume. Despois a X saca peito e fai unha enumeración dos medios que temos ou que nos prestan pra combatelas lapas cada ano.  O primeiro erro da X e xa inicial:  A única loita para o lume é a extinción. Unha política  exclusivamente de extinción o único que fai e necrosar unha problemática social e medioambiental de dimensións Gaiasescas (  porque Pantagruel quedou pequeno en comparación, e por absurdo) . Calqueira persoa con medio dedo de fronte, sabe que ese non é xeito de manexalo problema. Os servizos de extinción teñen que existir, pero non se pode basear unha política forestal no número de motobombas, hidroavións e axentes forestais que tes para que os montes “SE QUEIMEN MENOS”.

Seguindo ese discurso chegamos as tácticas comunicativas pseudofascistoides da X, da pelaxe de :  Non informaremos dos lumes de menos de 25 hectáreas. Gustaríame saber a quen se lle ocorreu a cifra, xa postos, por qué non 35, 200, ou 1536?. A  X alega que pretenden evitar o “efecto chamada”. Esta ben iso de meter a merda debaixo da alfombra, non se ve, pero a merda segue a ficar alí. Seguindo esa teoría  na casa, no salón teríamos unha Pena Trevinca de merda, pero oes, non ves a merda. (Iso sí, a cousa feder, fede).

A X anda reunida, o presidente Blancanieves  e os oito ananiños estan a facer estimacións do número aproximado de hectáreas que, como cada ano, se queimarán no vrao. Imaxino ao ananiño Doc, que se lle ocorre un xogo, así, pra pasalo serán. “que vos parece se facemos unha porra e ao final do vrao o que se achegue mais  a cifra exacta convidamoslle a cear?”  Blancanieves e os outros sete ananiños, medio adurmidos pola paparota do xantar, pegan un chimpo dende a súa butaca de 3000 euros- “que boa idea, di o anano feliz, a ver,  por deferencia institucional, o presidente Blancanieves, canto calcula vostede?, 300.000 hectáreas! , non home non! replica o anano gruñón- este ano hai seca, eu bótolle  600.000, o anano tontín di 100 hectáreas!, que lle imos facer, é o encargado de cultura e educación, e claro, é de letras e de números non che sabe… e así os ananiños pasaban a tarde.

A cultura do lume neste país e caso aparte. Ocórreseme, así, pra maquillalas cifras, e xa que forma parte da nosa cultura ( xa me dirás que ten que ver a queimada cun pirómano) que a X podería fusionar a consellería de medio rural coa de cultura e así poderían dicir que a cultura galega e a que se leva as partidas mais grandes nos orzamentos xerais. Aínda mellor, a un hidroavión chamámoslle Castelao, a unha brigada Rosalía de Castro e que os bombeiros e axentes forestais reciten a Cunqueiro mentres fan un corta lume. Iso si que é innovación e non as siglas esas de merda da I+D, que non valen pra nada.

Se analizamos as prácticas agrícolas en Galiza decataremonos do emprego secular que se lle da ao lume. Algúns iluminados, quizais polas lapas, din que ese é o único xeito de limpar o monte. E é certo que é un xeito de facelo, pero non é o mellor e de seguro que é o mais arriscado. Preguntádello aos labregos e gandeiros doutros recunchos de Españistán e do mundo, porque eles non o entenderían. Compostaxe, limpeza con animais, permacultura ¡se os cabalos ata comen silveiras! , e unha morea de prácticas aplicabéis no noso entorno, que por certo,  están na rede, (xa non hai excusas) para quen as queira coller.

Non é que nos dea vergoña o que acontece ano tras ano, que va! cando chegas ata estes extremos a vergoña amósase desvergoñada . Cando viaxas e falas con xente de fora sobre o tema dos lumes en Galiza É PRA ESCOITALOS: que os galegos están tolos, que qué nos pasa, que si nos presta destruilo noso entorno, e non hai quen llo explique. Ou  que esperen a escoitares un rosario de causas: intereses agrícolas, forestais, inmobiliarios, xenreiras veciñais, presións políticas… case que se podería empapelar os centos de milleiros de hectáreas que se queiman cada ano coas causas que as provocan. Cómo poñerlle freo a este caos pirómano?

Educación ambiental, prevención, agricultura biodinámica, lexislación proteccionista e proactiva, volta ao traballo das economías sustentábeis do agro, evitar monocultivos. Esas son as liñas. Hai vida mais aló da sombra proxectada polo “alicótero” antincendios.

Pero ese é outro conto

Deik

FAR NORTHWEST STYLE

28 Feb

VOLTAR AO “FAR NORTHWEST”

Algúns, cando queren recrear mentalmente un espazo ceibe pero tolo, cunha irremisíbel tendencia a anarquía, acostuman a dicir “Era como o salvaxe oeste”.

Non lles quito a razón, nin aos que o din e menos aos que o viviron: o far west debeu ser fodido de seu, pero iso sí,  aqueles vaqueiros non sabían o que tiñan as súas costas, milleiros de kilómetros atrás, ou quizais sí, e por iso fuxían.

Eu voltei a ise outro far west,  voltei ao far northwest.

Deik