Arquivo | Abril, 2012

MON-ARCADA REXIA

21 Abr

Lo siento mucho, me he equivocado, y… no volverá a ocurrir. Esa foron as tres lapidarias frases que puxeron fin? as derradeiras “trasnadas” do rei do estado español. Aínda que a polémica ven doutro tempo xa. Que se ten un xenro que aproveita o seu cargo para gañar aínda máis diñeiro do que de por sí gañaría, (que se saiba con coñecemento do rei  e eu diría que ese coñecemento implicaría certa culpabilidade…), que se o outro xenro deixalle o fillo/ neto armas de caza cando é neno, que se ao rei colleno na procura de elefantes en Botswana, aínda por riba sendo presidente de honra de WWF… E é que claro, vai ser que o da caza ven xa de serie no adn da caste real. Pero iso sí, segundo qué medios de información, aínda parecía que a nova era a saúde do rei. Mi ma!

A meirande parte da xente escandalizouse moito o coñecer o detalle da archifamosa cacería dos elefantes, ou ven por ser ecoloxistas, ou ven por ser republicáns, ou ven por ser simplemente cidadáns. Para mín, en termos de imaxe púbica e representatividade o rei equivale a Belén Esteban, pero coa coroa boa. Coma ver chover, vaia. Unha figura “campechana” coma se soía decir. Unha campechanía que nos sae da pel. Diría que é a campechanía máis cara da historia. E por certo, se queren campechanía, que procuren polas leiras e polos pobos do Estado que de seguro atopan un feixe dela sen custo ningún. Ou que miren para o congreso ou o goberno, que xa teñen a un bo feixe de políticos que  coma moito, o único que aportan é a campechanía esa do carallo.

Se eu fora rei, ( hipótese arrepiente) non dubidaría en abdicar. Vello, despois do pior ano para a Casa Real, cos dispendios e gastos que supón a súa existencia e coas derradeiras e nada gratificantes novas cara a súa persoa coleando, éste sen dúbida sería o mellor momento para abandonalo barco. Que logo o fillo peche o chiringuito e todo o seu patrimonio vaia para o Estado. Un estado que debería revirtir ese patrimonio en todos e cada un de nós, que pra iso estivemosllo a pagar e manter toda a vida. É o mínimo. E punto final.  Por sentidiño. E é que unha institución coma ésa en pleno século XXI e coa que está a caer non é de recibo, nunca mellor dito.

Aparte de escoitar as patéticas excusas infantís dun vello, cousa que de por sí xa é bastante avergoñante, caín na conta que as súas miniexcusas non se alonxaban do discurso  de Homer Simpson. O grande Homer, ese sí, ídolo de masas e referente contemporáneo, que unha volta dicíalle ao seu fillo Bart: Fillo, lembra estas tres frases, que van ben na vida: eu non fun, estaba así cando cheguei e boa idea, xefe. Salvo a derradeira, (que non lle viría mal, porque non ten xefe ningún) parece que o rei interiorizou a filosofía homeriana para saír indemne, unha vez máis, do aturullo real.

O que nunca saberemos, porque ningún xornalista semella que vaia preguntalo, é de que feito falaba en realidade: da cacería, dos custos reais ao estado, dos seus xenros rá, do surtido cuétara de corruptelas na institución que representa, dos cornos que lle pon a súa muller…ou quizais da súa “campechanía”.

A miña resposta para o rei é a cada unha das súas frases: Lo siento- eu tampouco, me he equivocado- de vida?  y no volverá a ocurrir – iso digocho eu a ti, non ti a min, porque estás despedido.

Deik

Advertisements

AS FRAGAS DO FUME

6 Abr

Ocorreu fai ben pouco. E coido que xa non hai ningún galego que non saiba o que aconteceu nas fragas do Eume. Eu, coma moita outra xente desta terra, familiarizada cos desastres naturais,  nesta ocasión tiven que seguir as evolucións do lume  a traverso do twitter. Porque era a mellor INFORMACIÓN e máis fiable. A xunta, (fai tempo que non merece a maiúscula) ademais de non actualizala páxina da consellería de Medio Rural durante moitísimas horas ao longo da desfeita, pasaba de computar 20 hectáreas a 250, sen facer mención algunha de que o lume se producía nun parque natural, falando dun incendio nun par de concellos da bisbarra, coma quen dice. E de novo, axentes forestais de fora do país e militares do estado tiveron que botarnos unha man na extinción, pola falla de despregamento  dos servizos de extinción da xunta en Galiza; seica cunha seca histórica aos nosos desgobernantes non lles pareceu risco dabondo para poñer medidas excepcionais no monte perante esta situación. E iso por aforrar catro pesos (e logo coma consecuencia dos lumes perdemos 8, 20 ou 1.000.000)

Tamén observei que unha parte do lume nas fragas do Eume queimou zonas de  plantacións de eucaliptos e pregunteime… eucaliptos? nun exemplo de bosque atlántico autóctono? A explicación ven dun dato incontestábel. En Galiza existen 5 parques naturais declarados e só un (o parque natural do monte Aloia) conta cun plan integral de xestión. O resto (serra do Xurés, dunas de Corrubedo,  o Invernadoiro e a serra da Enciña da Lastra) levan anos e anos no proceso e aínda estan nesas. E é de salientar que estes lugares, especialmente os localizados na provincia de Ourense, a provincia máis “cenicienta”,sofren anualmente a praga dos lumes coma un feito case que connatural. Vaia, que do pouco que decidiron que debe ser protexido nin se quera se preocupan por coidalo ben. E iso por non mencionar que hai un esquecemento flagrante doutras zonas dignas de ter esta protección, coma son a área dos Ancares- Courel, ou a zona do Eo, por  poñer un par de exemplos, máis ca obvios.

E coma non podía ser doutro xeito, escoitei a xunta incidindo en que a loita é contra quen queima o monte. Estan a esquecer deliberadamente a pregunta clave na problemática dos lumes, que é a de por qué se queima o monte. E unha das razóns mais rotundas é porque a  maioría da xente vive allea a él e porque lisca desas áreas perante a falla de oportunidades que os seus alcaldes e xerifaltes varios non lle ofreceron.  E de seguro que o monte non ardería como o fai. As estatísticas estan aí e testemuñan que un monte coidado non arde salvo desgraza excepcional. Un país que demostra estes feitos é Finlandia. As políticas de prevención, protección e rendemento forestal do monte neste país escandinavo fan que a día de hoxe, os lumes anuais medios de toda Finlandia  ronden unha extensión de 500 hectáreas, menos do que se queimou desta volta nun só lume no Eume. Os responsabeis de tódolos gobernos galegos dende a chegada da democracia, (que é o que eu podo coñecer) deberían avergoñarse de que un patrimonio natural coma o noso estea a arder, e digoo cos datos na man, nunha media de… 100.000 hectáreas o ano! pero iso sí, a seguir coa teima da extinción,  os xogos de prestidixitación coas cifras do monte queimado, as políticas de desinformación, e as novelas de ciencia ficción na procura do Al Qaeda forestal de turno.

Sería moi bo preguntarlle aos fineses coma demo fan para ter un monte tan san e coidado, aínda que eiquí  seica tamén hai xente que sabe coma facelo. No monte Aloia, no concello pontevedrés de Tui, a xente sácalle rendemento ao monte de xeito sostible, teñen 200 especies arbóreas e son todo un exemplo de coma manter o monte vivo e produtivo. E por riba de todo, non arde.

No acontecido nas fragas do Eume tamén albisquei un raio de esperanza sobre o futuro do monte galego. A xente, unha vez mais, e non as autoridades, tomaron a iniciativa, informando na rede puntualmente, manifestándose en tódalas cidades galegas, recollendo sinaturas e creando unha plataforma en defensa destas fragas. Os trocos poden acontecer se loitamos por eles. Todos xuntos, sen ideoloxías.Por sentidiño. Polo noso monte, para esquecer para sempre as fragas de fume.

Deik