Tag Archives: likes

NO PAÍS DOS CEGOS O HATER É O REI

8 Xan

7-effective-ways-deal-haters-1A revolución da nosa era é a internet e a súa maior expresión as redes que nos intercomunican, chamadas sociais. Coma calqueira lagoa digna dese nome, esas redes sociais énchense de fauna e flora de todo tipo, denominadas sempre (o imperio manda) co léxico anglosaxón: trolls, trend setters, followers, haters… e coma en calqueira ecosistema que exista, cada un deles ten unha función que segue ao 100%, fachendoso e en xeral non conscente membro dunha destas subespecies mencionadas, a fin de que este mundo noso de mundos virtuais se manteña nesa sorte de feble equilibrio.

A Internet nos nosos días semella querer definilas nosas sociedades, opinións e comportamentos e ven a servir de termómetro social. Non negarei que os followers e os likes son a pobre medida actual do recoñecemento social e/ou empresarial, pois  baseados no seu número comezaremos a seren considerados interesantes, válidos, valorables e ao fin, moedarizables (horríbel verba); mais creo que o valor “cualitativo” na rede proven en boa medida dos chamados haters. Explícome.

Vivimos nunha era na que o neoliberalismo fai do noso cú un pandeiro, as familias están  desestructuradas, o humanismo e a filosofía son substituidas polo consumismo, e os valores creados polas distintas relixións, dilúense na medida que xurden todo tipo de neodeuses, con formas e mensaxes moito máis simplistas e individualizadas. É a era do eu min comigo, coma os pratos precociñados para solteiros que ollamos nos lineais de calqueira supermercado. Nos tempos do culto ao individuo fronte ao colectivo, no mundo no que o darwinismo social semella ter gañado a liorta ética, os haters, individuo a individuo, son lexión. Mais… cóma é un hater, qué características o identifican?

Os haters son narcisistas. A súa opinión é mellor, porque é a súa.
Os haters chaman a atención. Todo o mundo debe saber ca súa opinión é superior a do resto.
Os haters van a contracorrente, é parte da natureza desta subespecie, a razón elemental da súa existencia nas redes sociais.
Os haters  atacan cos seus comentarios a famosos, pensando que iso reportaralles fama.
Os haters empregan o sarcasmo. Os seus comentarios non se basean en razonala súa opinión, senón en respostar de xeito máis ou menos irónico.
Os haters atacan a grupos concretos. En calqueira páxina de fans sobre calqueira tema ou persoeiro,  atoparás a haters ofendendo dalgunha maneira a todo ese grupo específico de personas.
Os haters poden apelar á ameaza, ao medo, ou a coacción, para creares ruido no seu redor.

Se este danino xénero de especie virtual se circunscribise só á rede, a cousa quedaría nun artigo para geeks, pero por desgraza os haters que existen na rede teñen unha translación ao mundo real. Son persoas, con nome e apelidos, e algúns, ou mellor dito, algún, e será cousa dos tempos, ten chegado a presidente da nación máis poderosa da Terra. Analicen, senón, as características que definen aos haters e comparenas coas do “home de cuxo nome non podo esquecerme”.

Deik

Advertisements