Tag Archives: eleccións
Aparte

GALICIA, UN PASTEL QUE CADUCA CADA CATRO ANOS

22 Out

GALICIA, UN PASTEL QUE CADUCA CADA CATRO ANOS

 

Troco futuro por pasado, leira por solar urbanizable, chapapote / lume por cartos fresquiños, un río por encoros, fragas senlleiras por eucaliptos, escolas por seminarios, sanidade por ladrillos, emprego por furtivismo e contrabando, axudas sociais por negocios xeriátricos… interesados póñanse en contacto coa Galicia do ano 2012.

Seica hai un pequeño pobo chamado Galicia que cando ten a oportunidade de dicir basta prefire que lle dean máis paos. Un país onde o masoquismo sen dúbida encúmbrase coma a solución final. Un país de coitadiños onde se prefire que rouben os que roubaron sempre, a que as cousas cambien, non vaia ser que os demais tamén rouben, un pobo onde os que maltratan a educación, a sanidade, a súa lingua nai… son apoiados, esquecendo todo o patrimonio que nos foi legado polos nosos devanceiros, sexa negro sobre branco, verde, azul ou en pedra. Seica hai un país onde a xente prefire emigrar que loitar nel, porque ao final, sempre gañan os de sempre. Un pobo que non entendeu, por complexos do pasado e tamén por ese sentimento atemporal de apocados e poñer o lombo que semella nos unxen cando nacemos nesta terra, que este pobo noso é un lugar no mundo que sen dúbida ten bimbios de pequena Arcadia, pero convírtese na lagoa estixia das Pontes, antinatural, impostada e sen identidade; unha Galicia sen Galicia. Agora lembro ben as verbas inmutables de Rosalía, “Castellanos de castilla, tratade ben aos galegos”, canto sabía e aínda sabe aquela muller, porque seguiremos gobernados, catro anos mais, polos designios doutros, que nin son nin se senten parte desta terra nosa, eles só son parte dun pastel chamado Galicia.

Pero a loita continúa. E haiche milleiros de espartanos galegos que atendendo as súas capacidades farán ver que outra Galicia é posible. Porque os contos, e a vida non son coma empezan senón coma rematan. E ollo co pastel, que os catro anos ou menos, caduca.

Deik

Advertisements

“DE VÁTER” SOBRE O ESTADO DA AUTONOMÍA

14 Mar

Onte celebróuse no parlamento galegoa primeira xornada do chamado “de váter sobre o estado da autonomía” é dicir, a reunión anual esa que fan os señoritos de garavata pra laiarse da xestión do país nun caso (OPOSICIÓN) e xustificarse da susodita, noutro (GOBERNO). Son tempos revoltos,e non sei se iso de que o clima pase do inverno ao vrao nunha semán fainos tolear a tod@s, pero a cousa anda fodida. No “de váter” o presidente Blancanieves soltaba perlas do tipo ” Estamos nunha situación difícil, pero España está pior” (mal de moitos, consolo de parvos), ou aínda mellor “España é o país da Unión Europea con máis paro. Polo tanto, se non estiveramos en España, probablemente teríamos menos paro”. Unha parrafada que sacada de contexto sinaría o mesmiño Arnaldo Otegui. A verdade, e que esta xente non vive en Galiza, semellan mergullados nunha novela senlleira. Mágoa que Lewis Carroll non estivo por eiquí, porque de seguro que a historia que o inmortalizou trocaría en alcumes e contidos. Alicia sería Galicia, o coello que procura sería o déficit, a raíña corta cabezas/recortes Feijóo- nomeado consecutivamente e dende  o  2008 coma antiourensán do ano- (remítome a súa xestión cara a nosa esmorecida provincia), o gato co axóuxere de “Rubal acaba”  sería a momia Pachi, e o sombrereiro tolo, a xulgar polo acontecido nestas derradeiras semáns, o BNG. Vaites, vaia cadro!

Neste ano, case que con toda probabilidade tócannos eleccións galegas. E chegados a este punto o único que direi e que hai que votar. Será o momento de escoller entre máis do mesmo -“Yo por mi déficit… ¡MA TO!”- ou escoller entre as vellas propostas da oposición. Porén, semella que hai algunha xente nova que anda a facer outras propostas (galeguistas, ecoloxistas…), e terémolos que escoitar con atención. Un ou varios partidos novos presentaránse nas vindeiras eleccións. E se teño algo claro nesta idiosincrasia nosa que nos fai dubidar entre subir ou baixar na escaleira deste país, é que as maiorías absolutas son o máis semellante a unha “dictablanda”. Por iso coido que haberá que darlle unha oportunidade a aqueles que veñen cun novo pulo e con novas ideas. A indignación xa hai tempo que anda nas rúas, pero ten que estar presente, e mais ca nunca, nas urnas.

Deik