Tag Archives: age

2015, O ANO QUE ROERON AO ESTADO POLOS PÉS (dos concellos)

15 Set

As eleccións municipais veñen a materializar as ansias de troco respeito das políticas aplicadas nos derradeiros anos polos gobernos de rotación bipartita. Este troco en termos políticos, aínda que de seguro terá horas máis baixas e máis altas, ten visos de converterse en permanente. As victorias de candidaturas cidadáns conquerindo  a casa do concello de moitas vilas e cidades do estado ven a supor un sopro de ar novo que pon en alerta máxima as institucións da esgotada fórmula bipartita  española. Ata no noso país, as alcaldías das tres principais cidades da provincia de A Coruña, e a participación desas candidaturas no goberno do concello de Lugo demostrano.

Sete anos despois do comezo dunha crise que dende os gobernos conservadores teiman en enterrar pero que ten mais vidas que Rasputin, a xente semella espertar desa sorte de subordinación ante as políticas de recortes, desafiuzamentos, resgate bancarios e macedonias varias de corrupcións institucionais e corporativas.

Algo teñen que ver uns profesores universitarios madrileños da Universidad Complutense en “bouleversé”, coma din os franceses, o monolítico panorama político dun estado que  a estas alturas do partido, non se atura nin a sí mesmo. Mais non son só eles os artífices deste pulo. Ao calor da lareira xurden movementos que aunan distintas forzas políticas de esquerda, coma xa anticipou o sempre clarividente Xose Manuel Beiras, no proxecto da plataforma AGE en Galicia, do que por certo aprendeu, e moito, o agora líder desa organización politica con arrecendo a 15 M e que tantas (ollo cos amores repentinos) paixóns esperta nestes tempos, o coletáceo Pablo Iglesias.

Haberá que ver coma o sistema coce a lume lento estas (nas mais das veces benintencionadas) organizacións e confluencias, e coma responden agora que xa teñen certas capacidades de xestionar a vida dos cidadáns da que tanta bandeira levan feito. Coma dicían Os Diplomáticos de Monte Alto, non temos medo, temos fame.

Deika