VOTAR OU VOTAR, ESA É A CUESTIÓN

1 Out

Chega un mes trascendente onde os haxa para o futuro dos galeg@s, unha cidadanía que nestes tempos ten a sensación de que de pouco serve achegarse as furnas e expresa-la súa opinión. Lexislatura tras lexislatura, os tres grandes partidos do país (PPDG, PSDG e BNG) demostran, en maior ou menor medida, o alonxados que están dos desexos e preocupacións da sociedade, polo que a priori parecería un erro outorgalles de novo unha confianza que levan décadas poñendo en cuestión. Pero esa non debe ser unha razón para quedar na casa o 21 de outubro; ao contrario, é por iso que votar faise máis necesario ca nunca. Neste contexto un voto nulo podería ser unha boa opción para quen se sinta defraudado cos que gobernan ou gobernaron. Voto nulo sí, porque non atenta contra os partidos minoritarios, coma nembargantes acontece no caso de escoller o voto en branco, que hai que dicilo, perxudica gravemente aquelas outras forzas políticas con menor peso electoral. Unhas forzas aínda máis inxustamente tratadas dende que o goberno Fraga subiu do 3 ao 5% a porcentaxe necesaria para entrar no parlamento galego. Algo que, ollado co paso dos anos fixo un fraquísimo favor á rexeneración política, e perpetuou as grandes siglas en detrimento daquelas que quixeron xurdir, ás veces con vontades moito máis plurais cas que agora ocupan as cadeiras da representación cidadá.

Partindo da base que ningunha maioría absoluta, sexa da ideología que sexa, pode resolver os graves problemas que acontecen na nosa sociedade, apostaría por gobernos conformados por diversas sensibilidades e partidos, pero… porqué?; pois porque catro, seis ou oito ollos sempre verán máis ca dous, porque o control das actuacións do goberno non empezaría e remataría na oposición, senón que comezaría dende o propio goberno, e porque a verdadeira política non se fai dende un programa monolítico, senón dende a conxunción de visións diversas, a dialéctica e o achegamento de posturas, sen maximalismos nin imposicións unilaterais. Isa é a raigame da política con maiúsculas, o carreiro polo que transita o verdadeiro espíritu democrático, e non outras lerias.

Será cousa de estudar os programas das diferentes propostas electorais, pero todo grupo político que aposte pola participación cidadá directa, a transparencia democrática real e por preservalos dereitos universais que tanto custou acadar, podería ser unha boa opción. Iso sí, escollendo con sentidiño, porque son tempos de cambio e a depresión económica que estamos a sofrer é un caldo de cultivo inmellorable para que medren os populismos baleiros de contido. A historia é a mellor conselleira e basta ver coma no século pasado os totalitarismos máis perigosos apareceron no momento en que a sociedade, farta e decepcionada pola política, apostou por aqueles que simplificaban a realidade ou demonizaban os que non eran coma eles. E daqueles pós saíron dous lodos de dimensións pantagruelescas: un se chamaba I Guerra Mundial e o outro II Guerra Mundial. España, que non tomou parte activa en ningunha das dúas grandes guerras, tivo a súa ración patria de lodo: a cruenta Guerra Civil.

Recoñezo que moitos de nós, cada vez que abrimos un xornal ou escoitamos as novas do telexornal sentimos coma o bandullo se encolle polo noxo dun sistema que aínda que semella aparentemente democrático, non o é. E é precisamente por iso, que cada un de nós temos que tentar arranxalo co único instrumento ao que temos acceso a día de hoxe: mediante o noso voto. Se cadra, e precisamente exercendo o noso dereito a votar, algún día poidamos facer algo máis que opinar cada catro anos.

Deik

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: