AS ABELLAS, HABELAS HABÍAAS…

22 Mai

A Plataforma contra ás Fumigacións entregou esta semán unhas 100.000 sinaturas no rexistro da xunta (sempre con minúscola) contra o uso dun pesticida “tóxico”, o Flufenoxuron, para combater a praga do gurgullo do eucalipto nos montes galegos (desta volta nas provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra) mediante fumigacións aéreas.

Diversos colectivos, asociacións e particulares xa sinalaran as súas opinións e queixas no “fachabook” da xunta sobre esta cuestión, porén, e coma se de un X Files se tratase, os desgobernates borraron do seu muro tódolos comentarios sobre o caso. E non eran catro. Lembremos que se o número de persoas que asinaron votaran nas vindeiras eleccións,  suporían 20 escanos no Parlamento galego, ou sexa, un movemento máis ca serio a niveis de participación cidadá.

Iso sí, ao ver que a cousa non paraba, procuraron un novo xeito de silencialos cidadáns, trocando a desinformación nas redes sociais cara a manipulación directa do cuarto poder. E este en Galicia pasa maioritariamente pola voz do desgoberno: a telegaita, unha tv pública que compre recordalo, pagámola tódolos galegos e galegas.

Onte ao medidodía no telexornal, vexo incrédulo coma a telegaita comenta  que a xunta  pretende fumigar os eucaliptos cun produto non tóxico para as abellas adultas (un eufemismo dos mellores, por non dicir que mata as larvas).  E por suposto sen mención ningunha das 100.000 sinaturas en contra, do feito de que a UE retira dito plaguicida en decembro deste ano pola súa toxicidade, e por suposto, sen falar  nin de datas nin de localizacións, para evitar que a xente SAIBA o que as autoridades? fan coa nosa saúde e o noso monte. E para rematalo conto, e darlle verosimilitude a barbaridade que estan a cometer, recrean un comentario técnico (en castelán iso sí, que convence máis) e poñen a un calvo cun mandilón branco, que podería ser o meu carniceiro, falando de que este composto non está aínda prohibido pola UE e que non altera a saúde. Unhas verbas cheas de sentidiño, ditas por alguen que vai ti saber o seu perfil profesional ou a súa competencia na materia, xa que nin subtítulo de cargo lle puxeron. Iso sí, coma toda información parcial que se prece, non puxeron a ningún representante da tesis contraria, químico, edafólogo, biólogo ou experto en ciencias ambientais para soster o ecocidio que supón o emprego destes produtos e a relación directa coa morte das abellas,  que para quen non o saiba, son o sustento do equilibrio da natureza, e por conseguinte da cadea alimentaria. E qué carallo de voz imoslle dar, se son 100.000 persoas as que o piden?, preguntábanse na redacción da derradeira e enésima manipulación mediática de telegaita, obra e gracia do señor Frijol e os seus intereses.

Compre dicir que o propio fabricante do composto, que se comercializa co nome de Cascade, a alemá Basf, declara na súa ficha técnica que é un produto tóxico para a fauna de auga doce e as larvas das abellas. ¡E iso que o producen eles!

Noutros medios galegos online nos que aínda existe a posibilidade de informarnos un chisco máis, un dos membros da plataforma contra estas fumigacións, José Fernández, destacou que esta sustancia empregouse xa o ano pasado en zonas de Ourense, (nestas cousas sempre somos os primeiros…) e relatou a súa experiencia, contando que perdera 54 colmeas e avisando de que outras plantas do sotobosque acumulan residuos e que logo os animais se alimentan destes froitos, co conseguinte perigo para todos nós.

E por suposto, Frijol bota peito e di que Galicia e a máis saneada das CCAA, ou sería mellor dicir avelenada en troques de dicir saneada?  A tixeira en educación, sanidade e emprego, a desatención do noso medio rural,  a perda de identidade empresarial e financiera, e coma colofón, o xesto máis metafórico da política de destrucción en nome da austeridade: sulfatar por riba de todos nós os produtos tóxicos que teñen en stock.

Frijol sae nestes días na foto dos que mais aforran no estado. E aforrar malo non é. O problema ven dunha reflexión que cada día amósase máis lacerante: de que serve tanto aforro, se logo non tes onde empregalo, porque nada queda?

Deik

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: